Despois de nove meses de xestación, haberá un parto feliz coa inauguración do Memorial ás vítimas da represión o domingo 19 de decembro, ás 12 horas.
Estará instalado na avenida de Navarra da Coruña (no xardín, fronte á residencia Torrente Ballester), perto da Torre de Hércules e do paseo Marítimo, e no centro do triángulo da represión coruñesa: cárcere, campo da Rata e cemiterio de Santo Amaro.
É o maior memorial de Galicia, xa que nel figurarán os nomes das 600 persoas asasinadas polo franquismo nos concellos da Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
O Monumento levará como título “Xermolos de paz e liberdade” e é obra do escultor “Valdi” (Xosé Val Díaz). Cinco pedras de granito levarán os nomes das vítimas, formando unha estrela, e no centro un menhir, tamén de granito, levará o poema “Paz para sempre” do escritor Claudio Rodríguez Fer.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña pode levar adiante este proxecto grazas a unha subvención do ministerio da Presidencia e a colaboración da Deputación e do concello da Coruña.
A CRMH espera que nos próximos días haxa un cambio de actitude por parte do grupo municipal do Partido Popular, que reciba ás familias das vítimas do franquismo e participe no apoio unánime a este Memorial, como fixeron xa en Zaragoza ou Salamanca. Non é momento para ambigüidades; é hora de dicir claramente na Coruña que condena a Ditadura Fascista de Franco, que condena os crimes do franquismo e que está coas familias das 600 persoas asasinadas.
O presidente da CRMH, Manuel Monge, emplazou públicamente a Carlos Negreira, candidato á alcaldía da Coruña polo PP, para que aportase novos nomes de vítimas e ata o día de hoxe non recibiu do PP nin un nome, a maiores dos xa publicados polo proxecto interuniversitario Voces e Nomes.
Todos os grupos municipais serán invitados a participar na lectura colectiva dos 600 nomes o día de inauguración. Máis de 50 entidades, persoas da cultura e destacados profesionais confirmaron xa a súa participación.
Moitas grazas pola vosa colaboración.
A Coruña, 3 de decembro de 2010-12-03
Asdo. Rubén Afonso Lobato, responsábel de Comunicación.




